Nos tempos que corren, na Galiza a práctica totalidade da sociedade galega, indistintamente da súa cor política está a botar pestes contra o decretazo e contra a política lingüística levada a cabo polo goberno da Xunta e polo seu máximo representante Alberto Núñez Feijóo, que está a defender unha das maiores agresións a lingua galega; xa sexan os partidos políticos (realmente encantados por esta chapuza do goberno que sen dúbida os favorece electoralmente), os sindicatos (en especial a CIG que xa demostrou nas manifestacións o seu compromiso con esta causa), as organización progalego (sobre todo a Mesa pola normalización lingüística ou Prolingua), e en xeral o groso da poboación que demostrou nas convocatorias da plataforma Queremos Galego, que estamos dispostos a loitar pola nosa lingua e porque esta non sexa pisoteada e humillada; que estamos loitando pola dignidade da lingua galega, pola dignidade da lingua da terra que nos viu nacer, que estamos loitando pola lingua da Galiza e dos galegos.
Pese a todo isto poucos nos demos de conta de que Alberto Núñez Feijóo está a levar unha política lingüística de protección a lingua galega, a xente está trabucada, gracias ao presidente da Xunta estamos a dar un gran paso, un paso enorme, un paso moito maior que o que conseguiu o BNG durante a súa etapa de mandato; a Xunta está a promover algo moito máis importante ca un decreto que faga ao galego gañar enteiros en ámbitos tan importantes coma a educación, xa que, está levando a cabo un movemento social na defensa do galego, está conseguindo que todo un pobo se mova baixo un mesmo sentimento, está a conseguir que o pobo galego reaccione e que se rebele a prol da súa lingua está a conseguir algo moito máis importante ca unhas horas lectivas na lingua do país o que está a lograr é desatar o amor pola nosa lingua, un sentimento colectivo en toda sociedade, un sentimento que vimos reflexado nas diversas manifestacións en Compostela. Porque como dixo o gran Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, se aínda somos galegos é por graza e obra do idioma; e ante os ataques aos símbolos que nos definen os galegos non nos quedamos a velas vir, o pobo galego mobilizase para amosarlle a quen o dubide que Galiza fala galego.
Trala pequena introdución anterior eu agora parome a matinar; nunha época na que os símbolos nacionais están aparcados, mesmo esquecidos por parte da sociedade, o presidente da Xunta conseguiu con este decretazo levantalo pobo galego, facerlles recordar que temos unha historia, que somos un pobo peculiar que somos un pobo con unha gran riqueza cultural que nos diferencia do estado no que convivimos con outras nacións, que temos unha lingua propia que temos a obriga de coidar; por todo isto eu digo que o presidente da Xunta deu o maior paso a favor do galego na historia recente da nosa lingua, logrou espertar á sociedade galega, logrou instaurar nela ese sentimento, o sentimento de que QUEREMOS GALEGO!
lunes, 15 de febrero de 2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario