domingo, 28 de febrero de 2010

Socialdemocracia, o peor inimigo para a esquerda renovadora

Neste mundo no que nos tocou vivir, existen multitude de pensamentos políticos; case un por cada persoa no mundo, xa que, é moi complicado que máis dunha persoa concorden en tódolos aspectos que compoñen algo tan complexo coma a política; pero estes pensamentos simplificanse e dividense; basicamente en dúas correntes a esquerda e a dereita; na que se engaden pensamentos de moi diversos tipos, así na dereita podemos ver por exemplo liberais e nazis e na esquerda stalinistas e socialdemócratas. Xeralmente creese que a esquerda é unha corrente política que busca melloras sociais e progreso da sociedade en búsqueda da axuda aos máis necesitados por diversos métodos, así no estado español temos como partido e corrente ideolóxica predominante de "esquerdas" ao PsoE e a socialdemocracia respectivamente; por iso se soe dicir que o PsoE é o partido que representa a esquerda neste estado; e as políticas levadas a cabo por este partido político e esta corrente ideolóxica poden ser calificadas de esquerda; pero non a mesma esquerda na que se pode encadrar a loita polas melloras sociais, a loita polas melloras obreiras e das clases baixas, polos dereitos das persoas e dos pobos, en fin o PsoE e maila socialdemocracia son sen dúbida as principais correntes dentro da "esquerda", pero tamén sen dúbida non estamos a falar da mesma esquerda que defende de verdade un cambio no sistema, que rexeita o capitalismo que aposta por un cambio económico que non se sustente no beneficio do capital a costa do pobo obreiro; por iso eu digo que esta socialdemocracia é a corrente que máis dano lle fai a estas loitas, é o pensamento que as deslixitima, que fai que o pobo non confíe nesta loita, porque alguén que se autoproclama coma socialista ou obreiro non mira por esta loita, así pois esta corrente de "esquerdas" é a que máis dano lle fai a verdadeira esquerda renovadora, progresista, anticapitalista, críbel...

jueves, 18 de febrero de 2010

Por qué non...?

Que electoralmente o BNG está en caída picada é unha evidencia; moitos son os factores que fan que isto sexa unha realidade, a desunión interna do BNG, a mudanza por un discurso máis moderado e menos reivindicativo, a inexistencia dunha liña política clara que poida convencer aos votantes…; pero sobre todo un dos principais problemas que se lle achacan a esta causa é a inexistencia dun líder claro e recoñecido, que atraia aos militantes e simpatizantes e que sexa un rostro recoñecido dentro do partido para que dende fóra se asocie o BNG a ese rostro coñecido que defina claramente a tendencia política da formación. Por iso vemos que no BNG hai un rostro realmente coñecido e admirado por unha gran parte da militancia e tamén por moitos simpatizantes, e ata incluso por nacionalistas e independentistas contrarios ao BNG, e respectado pola práctica totalidade do nacionalismo galego, ao ser enormemente recoñecido o seu labor durante toda a súa vida a prol da nosa terra. Malia que o seu labor é tildado polas forzas máis reaccionarias ao mellor por non ser quen de gardar as formas, por non ser quen de ceder ás peticións de outros grupos políticos (supoñendo que iso sexa malo) ou simplemente por ser demasiado “comunista”; pero sexa como sexa sen dúbida a imaxe máis coñecida e a figura máis respectada do actual nacionalismo galego e do BNG é Xosé Manuel Beiras.


Por iso eu me pregunto que é o que pretende realmente o BNG coas medidas a curto prazo que está a desenvolver, acadar alcaldías e gobernos e tentar volver a ser o "socio" do PSOE no parlamento?; pois está demostrando que nin unha cousa nin a outra, está demostrando que nin mira cara o futuro, nin intenta facerse cunha base social ampla que permita o crecemento do BNG abandonando o espíritu que o caracterizou na súa formación; nin tampouco fai unha aposta por un valor seguro dentro do actual nacionalismo, un valor seguro que non ten outro nome que o de Xosé Manuel Beiras; poderíamos dicir que non se atreve a dar ese paso por medo a desgustar ao PSOE? Por cousas coma esta o BNG ten cada vez menos de BNG.


lunes, 15 de febrero de 2010

Graciñas Feijóo por querer tanto a nosa lingua

Nos tempos que corren, na Galiza a práctica totalidade da sociedade galega, indistintamente da súa cor política está a botar pestes contra o decretazo e contra a política lingüística levada a cabo polo goberno da Xunta e polo seu máximo representante Alberto Núñez Feijóo, que está a defender unha das maiores agresións a lingua galega; xa sexan os partidos políticos (realmente encantados por esta chapuza do goberno que sen dúbida os favorece electoralmente), os sindicatos (en especial a CIG que xa demostrou nas manifestacións o seu compromiso con esta causa), as organización progalego (sobre todo a Mesa pola normalización lingüística ou Prolingua), e en xeral o groso da poboación que demostrou nas convocatorias da plataforma Queremos Galego, que estamos dispostos a loitar pola nosa lingua e porque esta non sexa pisoteada e humillada; que estamos loitando pola dignidade da lingua galega, pola dignidade da lingua da terra que nos viu nacer, que estamos loitando pola lingua da Galiza e dos galegos.

Pese a todo isto poucos nos demos de conta de que Alberto Núñez Feijóo está a levar unha política lingüística de protección a lingua galega, a xente está trabucada, gracias ao presidente da Xunta estamos a dar un gran paso, un paso enorme, un paso moito maior que o que conseguiu o BNG durante a súa etapa de mandato; a Xunta está a promover algo moito máis importante ca un decreto que faga ao galego gañar enteiros en ámbitos tan importantes coma a educación, xa que, está levando a cabo un movemento social na defensa do galego, está conseguindo que todo un pobo se mova baixo un mesmo sentimento, está a conseguir que o pobo galego reaccione e que se rebele a prol da súa lingua está a conseguir algo moito máis importante ca unhas horas lectivas na lingua do país o que está a lograr é desatar o amor pola nosa lingua, un sentimento colectivo en toda sociedade, un sentimento que vimos reflexado nas diversas manifestacións en Compostela. Porque como dixo o gran Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, se aínda somos galegos é por graza e obra do idioma; e ante os ataques aos símbolos que nos definen os galegos non nos quedamos a velas vir, o pobo galego mobilizase para amosarlle a quen o dubide que Galiza fala galego.

Trala pequena introdución anterior eu agora parome a matinar; nunha época na que os símbolos nacionais están aparcados, mesmo esquecidos por parte da sociedade, o presidente da Xunta conseguiu con este decretazo levantalo pobo galego, facerlles recordar que temos unha historia, que somos un pobo peculiar que somos un pobo con unha gran riqueza cultural que nos diferencia do estado no que convivimos con outras nacións, que temos unha lingua propia que temos a obriga de coidar; por todo isto eu digo que o presidente da Xunta deu o maior paso a favor do galego na historia recente da nosa lingua, logrou espertar á sociedade galega, logrou instaurar nela ese sentimento, o sentimento de que QUEREMOS GALEGO!

Non ao nacionalismo de moqueta

Máis ben por desgraza ca por graza e gústenos ou non arestora falar de nacionalismo galego electoralmente é falar de BNG (a pesar de que aparecen no horizonte alternativas “serias” de dereitas, non como “rexionalistas” ao estilo Terra Galega ou +Galicia, aínda que para iso aínda nos queda moito que camiñar; mentras que o independentismo de esquerdas segue a ser unha forza minúscula electoralmente) por iso vemos como o BNG a única opción seria que teñen as forzas nacionalistas a curto prazo a mudalo sistema dende dentro; pero iso está a ser tomado demasiado a peito polas forzas maioritarias do Bloque, xa que; este partido caracterizouse por ser unha forza renovadora, nacionalista de esquerdas que pretendía unha loita pola autodeterminación e polo recoñecemento dos dereitos de Galiza como nación diferenciada dentro do territorio estatal e demáis recoñecementos e mecanísmos que posibilitasen o autogoberno do noso país. Estes obxectivos tiveron sempre un contido social e militante moi importante, polo que a forza do nacionalismo galego exercíase dende a rúa con diversas mobilizacións e convocatorias, e cun importante labor da militancia, o que conlevaba que o que facía país eran as mobilizacións, o que facía país era o pobo; o nacionalismo galego non eran os catro que mandaban no partido, o nacionalismo galego era o pobo que cría no noso país.

Nos últimos tempos coa chegada do BNG ás institucións e a diversos gobernos produciuse no seo do partido un estancamento no discurso, un estancamento nas peticións de autogoberno, mudou a súa actitude ante a posibilidade da perda de apoios para formar gobernos, o BNG ao servizo do pobo rematou, rematou a importancia da militancia, rematou o movemento e os chamamentos a sociedade, remataron as mobilizacións; instaurouse un nacionalismo de moqueta no BNG, un nacionalismo de goberno, un nacionalismo que perdeu a súa utilidade, xa que se trata dun BNG que non está ao servizo do pobo, dun BNG que non mira polos intereses dos seus militantes e simpatizantes, un nacionalismo galego que non reclama os dereitos que nos pertencen como pobo coa vehemencia que debería, un BNG acomodado, aburguesado, un BNG que logo se preguntará o por qué dos seus repetidos fracasos electorais; porque nun momento no que o movemento social nacionalista e independentista están no seu máximo expoñente os resultados electorais do principal partido nacionalista son cada vez máis cativos; mentras o BNG siga a ser un nacionalismo de moqueta, mentras o movemento social non volva a ser a súa razón de ser, mentras non volva a reclamar que Galiza é un país e que temos dereitos fundamentais que nos son negados e temos que acadar, mentras non volva a defender Galiza e aos galegos contando con todos e cada un de nós; o BNG non será o partido dos que sentimos a Galiza como nación. Por iso neste intre é moi necesario que a verdadeira esquerda renovadora dentro do Bloque Nacionalista Galego acade a forza necesaria para producir este cambio no partido, para facer do BNG un partido con principios e ideas, para afastar do BNG ese noxento electoralismo que prima en tódolos partidos, só nese momento o BNG será realmente un partido nacionalista galego.